A Fundación Labaca foi creada polos irmáns Ricardo e Ángela Labaca

A Fundación Labaca foi creada polos irmáns Ángela e Ricardo Labaca. A orixe da Fundación atopámolo na experiencia adquirida por Ricado na súa estancia en Granada como maxistrado da Audiencia Provincial, foi alí onde coñeceu a finais do século XIX, ao sacerdote Andrés Majón, quen por entón se dedicaba todos os seus esforzos ao seu gran soño, a reforma do ensino primario. Este soño plasmaríase nas Escolas do Ave-María cuxo modelo educativo baseábase na aprendizaxe a través do xogo, ao aire libre e en interacción coa natureza.

Ricardo ao seu regreso á cidade da Coruña e coa inestimable axuda da súa irmá Ángela comezou a principios do século XX a planear a creación dunha escola dirixida aos máis desfavorecidos do barrio de Pescadores de Santa Lucía.

A Fundación foi constituída como institución benéfico-social o 21 de xuño de 1916, é a partir de entón cando empeza o seu labor docente no emblemático edificio deseñado polo arquitecto Leoncio Bescansa, un dos máis prestixiosos do seu tempo, que seguía o estilo do xenio do modernismo, Antonio Gaudí. As Escolas Labaca convertéronse nunha das mostras do neogótico na cidade, coa súa estilizada torre central, que resalta entre os anodinos edificios que poboan hoxe a rúa Juan Flórez.

Na primeira etapa as escolas constituíronse non só nunha oportunidade educativa para os nenos e nenas senón para todos os habitantes do barrio. En 1923, cunha matrícula de 250 alumnos, organizábanse numerosas veladas teatrais e culturais que favorecían o labor formativo do alumnado e familiares. Neste momento ao edificio principal de Leoncio Bescansa, que aínda acolle hoxe a biblioteca e a aula de informática entre outras dependencias, engadíuselle un amplo e magnífico edificio cun teatro e unha capela, hoxe desaparecida.

A principios do ano 1925 comezáronse a impartir clases nocturnas para ex-alumnos e ao ano seguinte saía á rúa a Banda Xuvenil de Música integrada totalmente por nenos do colexio obtendo o primeiro premio nos certames escolares de Bandas de Música da época. O colexio distribuía mensualmente a publicación “O Avemariniano Coruñés” realizada por mestres e alumnos, da que din as crónicas “que levaba aos fogares da comarca os saudables ensinos da escola” e tamén se celebraban eventos como as exposicións anuais de traballos do alumnado que convertían ao colexio nun centro divulgativo.

Estes magníficos procedementos pedagóxicos e metodolóxicos desta institución aparecen recoñecidos unanimemente en numerosos artigos da época. Con todo, coa terrible convulsión social de 1936, iníciase na institución un período de decadencia que sen responder a razóns estritamente pedagóxicas, vai culminando co peche das Escolas no ano 1950. Pero será ao amparo da Orde Ministerial do 24 de novembro de 1966 cando novamente inícianse as actividades docentes nas Escolas Labaca, reabrindo as portas convertidas nunha escola graduada, é dicir, na que o alumnado estaban separados segundo a súa idade. Ao pouco tempo, a entrada en vigor da Lei Xeral de Educación impón a adaptación dos centros escolares aos requisitos estruturais e funcionais da nova Lei polo que a Fundación Labaca, que non conta con de medios económicos para atender os ciclos completos de ensino obrigatorio, cede as instalacións escolares ao Ministerio de Educación.